Unha cidade segura
#CoruñaSegura
A Marea Atlántica entende a seguridade dun xeito integral, en termos de protección social. Non se trata simplemente dun conxunto de medidas ou recursos materiais e humanos para evitar o delito e garantir a orde pública. Os corpos de seguridade e emerxencias deben estar concibidos para velar polas condicións de vida básicas das persoas, recoñecendo a súa dignidade e favorecendo ás máis vulnerables. A implantación do Programa para a Identificación Policial Eficaz (PIPE), para garantir as identificacións con respecto á diversidade e evitar nesgos racistas, ou o protocolo para a atención de delitos de odio, foron pasos dados nestes catro anos cara a unha seguridade baseada nos coidados das persoas. Partindo do enorme valor que teñen os recursos humanos da Policía Local, do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento e o Servizo de Protección Civil, resulta preciso dotalos dos medios materiais, tecnolóxicos e humanos adicionais para acometer as súas funcións.
- Elaboración dun Plan Director 2020-2030 da Policía Local.
- Consolidación da Unidade de Xestión Policial da Diversidade e a Unidade de Violencia de Xénero.
- Modernización da infraestrutura tecnolóxica e actualización de equipos da Policía Local que contribúan a garantir a seguridade cidadá, sobre todo en materia de atestados e seguridade viaria.
- Creación dun amplo Centro de Operacións e sede da Policía Municipal da Coruña na actual localización da estación de autobuses, condicionado ao desenvolvemento da estación intermodal e á construción, por parte da Xunta de Galicia, do edificio da nova estación de autobuses da Coruña.
- Posta en marcha dun equipo de mediación para a resolución de conflitos, que segue a liña de acompañamento cidadá no espazo público para garantir a seguridade das persoas e a boa convivencia.
- Redacción dun Regulamento do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS) que consolide, organice e complete toda a normativa e acordos existentes.
- Comarcalización do Parque de Bombeiros, para o que é imprescindible a colaboración coa Xunta de Galicia e cos concellos limítrofes.
- Acondicionamento para a accesibilidade universal e mellora da infraestrutura do Parque de Bombeiros coa construción dunha torre de prácticas que favoreza o adestramento integral e individualizado e a práctica de rescate en altura. Tamén se acometerá a modernización dos medios tecnolóxicos dispoñibles, coma os drons lixeiros que darán servizo á área de seguridade cidadá no seu conxunto.
- No ámbito da Protección Civil levaranse a cabo medidas para dotar este servizo de máis medios. Entre eles, a adquisición dunha ambulancia asistencial e a posta en marcha dunha aplicación informática para o voluntariado de Protección Civil.