Unha cidade contra o cambio climático

#CoruñaClima

A Coruña iniciou o pasado mandato un camiño destinado a ser unha cidade máis verde, máis saudable, pero tamén máis comprometida dende a acción local a prol da conservación da natureza e na loita fronte ao cambio climático: porque non temos un planeta B, porque hai moitas formas de vida hoxe sometidas a unha extraordinaria vulnerabilidade a causa das accións humanas e porque o cambio climático é, sen dúbida, o maior reto ao que nos temos que enfrontar como sociedade desde hoxe e nas próximas décadas, a nivel global e tamén dende as nosas cidades.

  1. Actualización da Estratexia contra o Cambio Climático da Coruña 2020-2030, un dos principais mandatos da Unión Europea, no marco da axenda urbana da Coruña e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas, que encomenda ás cidades erixirse en protagonistas desta transición necesaria para as xeracións presentes e, sobre todo, para as xeracións futuras.
  2. Plan de Adaptación fronte ao Cambio Climático. As medidas de mitigación e redución de emisións son imprescindibles tanto a nivel local como global, pero o cambio climático xa é un feito, xa  está aquí e precisamos definir, en concordancia coas políticas europeas, as estratexias de adaptación para moderar os previsibles riscos, para facer unha cidade máis resiliente aos cambios e incluso explorar as posibles oportunidades beneficiosas que se deriven dos mesmos.
  3. Plan de calidade do aire. Renovación do actual plan, que irá aparellado a outras actuacións como a ampliación da rede de estacións de medición de calidade do aire e a publicación dos datos en tempo real.
  4. Mapa de especies invasoras e restauración dos ecosistemas da cidade coa colaboración cidadá. O desafío do cambio climático non pode abordarse se non é da man da veciñanza. Poremos en marcha programas de sensibilización e participación para a recuperación de ecosistemas naturais, que nos achegarán de xeito colaborativo ao coñecemento da biodiversidade na cidade. O mapa de especies invasoras servirá para definir a súa distribución xeográfica no municipio e facilitar súa identificación, de cara a abordar as estratexias para a súa erradicación.
  5. Programas formativos de restauración ambiental. Temos unha alternativa sociolaboral no desenvolvemento sostible. A naturalización dos espazos trae aparellada a xeración económica. Por iso, poremos en marcha programas de formación para o emprego destinados á restauración e aproveitamento sostible destes espazos.