Unha cidade contigo

#CoruñaContigo

A Marea Atlántica naceu para poñer ás persoas no centro das políticas públicas. Non só as persoas en risco de exclusión, nin as persoas con diversidade, nin os colectivos vulnerables, que tamén, senón todas as persoas. A nosa meta é que toda a veciñanza, sexa cal sexa a súa orixe ou o seu nivel económico, sen restricións, poida sentirse parte no traballo do Concello da Coruña e na construción da cidade do futuro. Por iso, un dos eixos do segundo mandato será, como xa o foi no primeiro, a participación cidadá, unha porta á innovación democrática que vai seguir aberta, e que xa nunca máis se poderá pechar.

  1. Centro de Innovación Social no Ágora. Imos trasladar o servizo de Participación Cidadá e Innovación Democrática ao Centro Ágora, que contará así con toda unha serie de proxectos e servizos de innovación social e que dará servizo ao barrio, á cidade e á área metropolitana.
  2. Posta en marcha das Propostas Cidadás. A veciñanza terá a oportunidade de realizar e escoller, a través da plataforma A Porta Aberta, unha proposta sobre unha temática que lle interese ou preocupe para que o Concello a leve a cabo. As propostas deberán conseguir primeiro apoios suficientes para chegar á fase de votación cidadá.
  3. Normativa colaborativa. A participación da cidadanía ampliarase tamén á confección da normativa local. A través da Porta Aberta, toda a veciñanza poderá achegar ideas no proceso de aprobación de ordenanzas municipais, regulamentos e outros documentos desa natureza.
  4. Deseño colaborativo do espazo público. As áreas de ocio e lecer serán pensadas e deseñadas de xeito colectivo entre persoas usuarias, persoal técnico municipal, persoal experto, comunidade educativa, cidadanía, entidades veciñais, colectivos informais e demais persoas afectadas e interesadas, tomando como referencia procesos como “O Noso Patio” ou a área de xogos da Praza da Tolerancia.
  5. Dous novos TEUs en Durmideiras e Monte Alto. Ampliaremos a rede de espazos públicos abertos ao uso cidadán nestes barrios da cidade, despois da boa acollida dos TEUs de Faro de Oza e Novo Mesoiro. Imos facer crecer esta rede por toda a cidade co obxectivo de impulsar un equipamento deste tipo por distrito.
  6. Continuar instando o Goberno do Estado a ceder definitivamente o Edificio do Antigo Cárcere Provincial da Coruña para a cidade así como a dotación económica para a súa rehabilitación integral.
  7. Concorrencia competitiva para a cesión de espazos municipais. Realizaremos unha convocatoria transparente e pública para a cesión de locais municipais a entidades sen ánimo de lucro, ao tempo que fomentaremos o seu uso compartido e a corresponsabilidade. O inventario de locais municipais e o estado de cada unha das cesións poderá consultarse online, nunha web actualizada.   
  8. Impulso ás axudas de innovación social e aos recursos destinados a proxectos no marco do Laboratorio Cidadán (Co-Lab) para proxectos que teñan por obxectivo mellorar a vida das persoas.