Unha cidade que non deixa a ninguén atrás

#CoruñaInclusiva

Na Marea Atlántica sabemos que para avanzar cara a unha cidade máis xusta e equitativa é imprescindible poñer a axenda social no centro. Así o fixemos, con medidas como a Renda Social Municipal, un programa pioneiro dirixido a cubrir as necesidades básicas das persoas en maior risco de vulnerabilidade, ou o Centro Abeiro, o primeiro recurso municipal de baixa esixencia para persoas sen teito na Coruña. Neste mandato fixemos máis: puxemos pisos a disposición de persoas inmersas en procesos de desafiuzamento, asinamos convenios coas compañías eléctricas para evitar cortes ás persoas que non poden pagar, iniciamos o programa Housing First de acceso á vivenda e creamos un Consello de Inclusión Social. Iniciamos un camiño que seguiremos afianzando con máis investimento, novos recursos e o mesmo empeño en poñer as persoas no centro.

  1. Aumento do orzamento para políticas sociais nun 20% ao longo do mandato. O benestar das persoas é e debe ser un dereito, e iso require dun compromiso coa xustiza social, para garantir que a dotación orzamentaria do goberno porá por diante programas e prestacións destinados a cubrir as necesidades da veciñanza.
  2. Incremento dos límites de renda que dan dereito á gratuidade e ás bonificacións nos servizos básicos como o lixo, o saneamento ou a depuración para ampliar o seu alcance e implantación do mínimo vital garantido no consumo de auga.
  3. Unha Renda Social Municipal que chegue máis lonxe. Para avanzar na garantía de recursos e apoios suficientes para cubrir as necesidades básicas, faremos incondicional esta prestación, desvinculando o proceso de promoción da autonomía das persoas vulnerables doutras obrigas que agora ten asociadas.  
  4. Adecuación e reforzo da ordenanza de Axuda de Emerxencia Social para transformala nunha ferramenta máis inclusiva, adaptada ao contexto actual e aos novos programas e obxectivos. Para conseguilo, avaliaremos os criterios de concesión e revisaremos as contías e incompatibilidades, ademais de dotala de máis recursos.
  5. Novo modelo de Atención Social. Nestes catro anos déronse pasos importantes: creouse o Servizo municipal de Atención Inmediata e descentralizáronse os Equipos de Atención Social, que agora se distribúen en cinco barrios. Toca seguir adiante e reforzar as Unidades de Atención con equipos multidisciplinares e máis persoal técnico.
  6. Mapa de recursos e servizos de Xustiza Social,que dea maior visibilidade ás prestacións, programas e actividades desta área e que ofreza información dos servizos municipais para facelos máis accesibles a toda a cidadanía.
  7. Ampliación do programa de Educación en Rúa. Neste mandato púxose a andar en tres áreas da cidade esta iniciativa, dirixida a previr condutas de risco que poden derivar en hábitos non saudables na mocidade. Nos próximos catro anos estenderase a outros puntos da cidade e reforzarase para que pase a ser un  programa estrutural da área de Xustiza Social e Coidados.
  8. Creación dun módulo de inclusión municipal de carácter multidisciplinar e interinstitucional, aberto a consulta para profesorado e para alumnado que requira de atención especializada. Trátase de facilitar dende o Concello un punto de información e ferramentas que faciliten o labor do profesorado con estudantes que, polas súas características, precisan dunha atención específica, e tamén para dar recursos ao propio alumnado e as súas familias.
  9. Promoción dos programas de economía social nos centros cívicos, a través de actividades como os bancos de tempo ou o troco.