Unha cidade limpa por dentro e por fóra

#CoruñaLimpa

A xestión de residuos é clave por diversos motivos: porque queremos gozar dunha cidade coidada e limpa, porque queremos protexer o medio ambiente e porque precisamos acompasar unha boa prestación do servizo coa necesaria colaboración da cidadanía. Durante o pasado mandato deseñouse o modelo de xestión de residuos e limpeza da cidade, que se porá en marcha a inicios do vindeiro substituíndo os vellos contratos por outros con oito anos de vida útil. No escenario internacional estamos tamén nun momento de grande esixencia, con desafíos marcados nas novas directivas europeas que nos piden producir menos residuos e reciclalos mellor. As bases contractuais, técnicas e administrativas están preparadas para dar un salto no compromiso pola sustentabilidade.

  1. Modernización do contrato de limpeza viaria, incrementando un 50% os fondos. Máis medios, máis persoal, máis maquinaria, que se renova para ser máis eficiente, ecolóxica e silenciosa. Reparto de recursos máis equitativo na cidade. A limpeza máis profunda, con auga, que está limitada no contrato actual á zona centro, estenderase, de maneira periódica, a todos os barrios. Reforzos para a eliminación da vexetación espontánea sen que a cidade se teña que fumigar con produtos tóxicos. Persoal específico para atender as necesidades do ocio nocturno. Consolidación do programa intensivo do coidado do espazo público A pé de barrio.
  2. Reforzo e expansión do Plan integral contra as pintadas vandálicas. Aumento do plan de limpeza da zona PEPRI a outros barrios da cidade. Expansión do programa Ruarte, de intervención artística en espazos degradados. Liberación de muros municipais para novos autores e novas autoras.
  3. Ampliación e sinalización do número de aseos públicos a disposición da cidadanía.
  4. Entrada en vigor do novo contrato de recollida de lixo. Renovación de máis de 14.000 contedores, o 25% adaptados para persoas con diversidade funcional. Máis contedores para recollidas de papel e cartón ou vidro. Renovación da maquinaria, máis eficiente, máis sustentable, menos ruidosa. Recollidas especiais para grandes produtores: comercio, hostalería, comedores, etc. Programa de compostaxe caseira e comunitaria. Plan específico de recollidas de podas. Solución inmediata aos vertedoiros incontrolados dos espazos periurbanos.
  5. Introdución do sistema de pago por xeración na taxa de recollida de lixo, para que quen mais colabora na separación dos residuos dende as casas, pague menos. Estes incentivos fiscais aplicaranse a nivel de vivenda, comunidades de propietarios, rúas ou barrios.
  6. Remodelación da planta de Nostián, cunha nova concesión e o investimento de aproximadamente 40 millóns de euros, para mellorar a eficiencia da planta, recuperar máis materiais e producir máis e mellor compost, o que axudará a reducir a cantidade de lixo non aproveitable.
  7. Incremento mínimo dun 50% dos fondos destinados á concienciación e ás campañas periódicas de sensibilización para buscar a complicidade da cidadanía no coidado do medio ambiente e do espazo público atendendo a problemáticas específicas: botellón, grandes eventos, excrementos de animais, etc.
  8. Impulso dun sistema regular de inspección e control con indicadores, para poder pagarlle ás empresas concesionarias en función da calidade do servizo.