Unha cidade para a infancia
#CoruñaCativa
A práctica do xogo no espazo público é un índice da calidade da cidade. A existencia de dotacións para o lecer impulsa a vitalidade de prazas e rúas e a convivencia interxeracional da veciñanza. As áreas de xogo son unha alternativa ao lecer de consumo e permiten que o espazo público cree lugares para a inclusión. Ao longo deste mandato foron significativos os avances na atención ao dereito ao xogo: mellorouse o mantemento das instalacións, renováronse e actualizáronse á normativa numerosas áreas de xogo, ampliáronse as existentes e creáronse outras. Nelas, incorporamos a naturalización dos xogos e a disposición de ámbitos que permitan un xogo máis creativo. Tamén pensamos nas persoas coidadoras, incorporando condicións de seguridade nas que poidan relaxar a vixilancia. Seguiremos avanzando nestas liñas coa axuda de nenos e nenas da cidade, que participaron nun obradoiro para aportar ideas sobre o espazo público, un lugar que tamén lles pertence e que debe ser deseñado contando co seu punto de vista.
- Dereito a xogar na cidade. Debemos avanzar na implantación dos criterios que xa aplicamos nas intervencións sobre as áreas de xogo e levalos a todos os distritos. Queremos atender tamén á mocidade coa implantación de zonas específicas para ela a carón das áreas de xogo para promover que sexan focos de integración interxeracional.
- Novas áreas de xogo e de actividades lúdicas. Remodelaremos a Praza da Concordia con implantación dunha área de xogos infantís, crearemos unha pista de skate baixo o viaduto de Catro Camiños e construiremos unha área deportiva e outra biosaludable na praza Almirante Romay, como complemento interxeracional da área de xogos infantís da Tolerancia. Tamén remodelaremos a praza das Conchiñas para resolver as deficiencias da área de xogos e acompañala de zonas de estancia e sombra, construiremos unha área de xogos en San Vicente de Elviña e ampliaremos a dos Rosais.
- Parques infantís cubertos. Instalaremos cubertas que deixen pasar a luz nalgúns parques infantís da cidade para poder xogar fóra nos días de choiva.
.