Unha cidade con enerxía
#CoruñaEnerxía
Facer e promover un uso responsable da enerxía baseado no aforro e na eficiencia é, ademais dunha obriga no compromiso das cidades na loita contra o cambio climático, unha ferramenta clave para garantir a calidade de vida das persoas, de todos os veciños e as veciñas, nun contexto de encarecemento inxusto dos prezos da enerxía que sempre bate nos colectivos máis vulnerables. A aposta polas enerxías renovables e a soberanía enerxética será no vindeiro mandato unha das liñas de acción contra os efectos do cambio climático, que abre tamén un campo económico estratéxico, o da economía verde, onde a sustentabilidade ambiental crea tamén un ecosistema laboral de futuro.
- Elaboración dun mapa das enerxías renovables da Coruña. A cidade ten un potencial de implantar tecnoloxías de produción enerxética limpa, de orixe renovable e non fósil, e conta con iniciativas pioneiras, como a produción de biogás dos residuos da estación depuradora de Bens. O Mapa das Enerxías Renovables servirá para analizar as potencialidades da cidade de cara á implantación progresiva destes sistemas de xeración de renovables.
- Creación dun operador público de enerxía, a través da actual empresa pública de auga, que aborde estratexias de soberanía enerxética para a xestión deste ben como un servizo público en beneficio da cidadanía. Este novo operador velará polo uso responsable da enerxía, baseado no aforro e na eficiencia e coa vista posta no reto do cambio climático e na necesidade de garantir a calidade de vida das persoas.
- Máis fondos para a rehabilitación enerxética de edificios, cun aumento da puntuación destinada a valorar a mellora do comportamento enerxético do edificio nos baremos, e mediante o asesoramento técnico sobre medidas de aforro e eficiencia enerxética na rehabilitación ás comunidades de propietarios e propietarias.
- Asesoramento municipal itinerante en cuestións enerxéticas, un servizo para asistir á veciñanza en cuestións relacionadas coa enerxía (facturas, tarifas, bono social, uso eficiente da enerxía, reformas nas vivendas, tipos de calefacción, elección de electrodomésticos, iluminación…) a través dun equipo especializado que se desprazará periodicamente aos espazos municipais dos barrios.
- Mellora da eficiencia e o aforro enerxético nos equipamentos municipais como complemento ás actuacións no sector residencial, desde mercados municipais a bibliotecas, centros cívicos ou escolas infantís, como exemplo de boas prácticas en sustentabilidade. As medidas de aforro e eficiencia serán visibilizadas a través de sinalética divulgativa.
- Plan de formación ocupacional no sector da enerxía. Unha medida de impulso á economía verde co obxectivo de crear unha bolsa de traballo vinculada a proxectos municipais, para reforzar as políticas municipais de transición enerxética, introducir coñecemento especializado nesta materia e favorecer a reorientación de persoas especialistas desempregadas do sector da construción e as obras públicas.
Retos