Unha cidade con futuro

#CoruñaMocidade

A Marea Atlántica quere poñer no centro a mocidade, un colectivo historicamente  abandonado polos gobernos locais e que merece unha atención integral e transversal, a través de políticas públicas xurdidas desde todas as áreas do goberno. Impulsaremos un gran equipamento para a mocidade, o Parque do Metrosidero, crearemos unha rede de información e dinamización e apostaremos por políticas de emprego, turismo, vivenda e mobilidade específicas para a xente moza. Un dos grandes retos do segundo mandato será abrir novos espazos e facilitar o acceso nos existentes. Na Coruña chove e fai vento e a veciñanza precisa de prazas cubertas, abertas, confortables, de libre uso, gratuítas e para todas as persoas. Os modelos de xestión dos Espazos TEUs, das Naves do Metrosidero e do Remanso serán as referencias á hora de facilitar a accesibilidade para as persoas no uso dos espazos públicos. Tamén avanzaremos na descentralización e incremento de recursos para programas en marcha e na súa adecuación ás necesidades das persoas mozas.

  1. Parque do Metrosidero. O primeiro espazo creado por e para a mocidade na Coruña, nunha parcela céntrica, libre, aberta e de uso común. Un proxecto co-xestionado entre a cidadanía e a administración. Un espazo fácil de usar e no que a mocidade poderá organizar actividades libremente e de xeito gratuíto e áxil.
  2. Albergue no Parque do Metrosidero. A Coruña precisa dun albergue para ofrecer unha alternativa de aloxamento económico e adecuado á mobilidade internacional de mozas e mozos, as persoas peregrinas e ao turismo en xeral.
  3. Construción do pavillón de Catro Camiños, un espazo ben conectado coa área metropolitana a través de transporte público. Terá dous andares que funcionarán de xeito independente e que estarán dotados de recursos para prácticas artísticas e culturais. O pavillón será ademais un espazo para o barrio, aberto a toda a veciñanza.
  4. Novos Espazos de Dinamización Xuvenil nos barrios. Despois do éxito do proxecto piloto na Sagrada Familia, ampliaremos de xeito progresivo esta medida a outros barrios para crear unha rede de espazos de dinamización xuvenil, con persoal especializado que acompañe á mocidade.
  5. Descentralización dos Locais de Ensaio. Está previsto descentralizar o programa a outros barrios da cidade e abrilo a grupos de idade máis amplos.
  6. Creación da Rede de Información Xuvenil, como resultado da descentralización do actual Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), que se sitúa no Fórum, sumando dúas novas ubicacións, no Centro Ágora e no Metrosidero.
  7. Recuperación do sistema de bolsas das Antenas Xuvenís. Mellora do programa para ofrecer ás persoas que participen a tecnoloxía necesaria, con dispositivos dixitais, para dinamizar a información xuvenil nos centros de ensino.
  8. Ampliación e descentralización do programa Nocturnia para achegar alternativas de ocio a todos os distritos.
  9. Programa de axuda ao alugueiro para a mocidade. Un dos grandes problemas para a mocidade é a súa emancipación, polas dificultades para incorporarse ao mundo laboral e acceder á vivenda. Fronte á subida do prezo do alugueiro, crearemos un programa de axudas ao alugueiro para menores de 30 anos.
  10. Creación de novos públicos entre a mocidade para os equipamentos culturais e deportivos,cun novo horario nocturno e unha política de taxas a prezos simbólicos e reducidos que favoreza o seu uso por novas franxas de idade.