Unha cidade educadora

#CoruñaEduca

Non cansaremos de dicilo. O ensino público, de calidade e gratuíto, é condición necesaria para que a educación sexa un dereito e non a fenda que deixa atrás a quen non ten capacidade económica. Os gobernos locais, como administracións máis próximas á cidadanía, deben servir para reequilibrar as capacidades e asegurar a igualdade de oportunidades, para que todas as persoas teñan, desde a infancia, os mesmos dereitos, e evitar un fracaso escolar que demasiadas veces deriva en fracaso social. Nos vindeiros catro anos toca seguir adiante co traballo polo fortalecemento da educación pública e de calidade na Coruña, que fixemos a través de programas como “Ao meu xeito”, de apoio ás actividades das comunidades escolares, ou “Aberto ao barrio”, para dar uso aos patios exteriores en período non lectivo, ou con medidas como a rebaixa nas tarifas das escolas infantís municipais, de até o 90%. E seguiremos afianzando ese dereito con novas escolas, novos modelos educativos e a supresión total da matrícula de cero a tres anos.

  1. Gratuidade total na rede de escolas infantís municipais de 0 a 3 anos para que a educación sexa accesible para todas as familias desde a primeira etapa, sen depender da capacidade económica.
  2. Creación de dúas novas escolas infantís, unha delas no Ofimático. Implantación nun destes equipamentos dun proxecto piloto de ampliación horaria. Posibilitaremos ás familias a elección horaria en tres franxas: mañá, tarde e xornada completa.
  3. Mellora do modelo educativo da rede de escolas infantís municipais, para que non sexan meros espazos de conciliación, senón espazos onde as nenas e os nenos inician unha formación de calidade. O programa educativo debe incluír formación específica en igualdade, convivencia e solidariedade, educación en valores e cidadanía.
  4. Oficina técnica de coordinación educativa, conformada por persoal técnico de Educación que se encargará de todos os programas educativos do Concello de cara a unha boa interlocución cos centros educativos.
  5. Plan municipal de absentismo escolar en idades temperás que elabore, atendendo a todas as circunstancias que arrodean este fenómeno (socioculturais, económicas, lingüísticas ou familiares), unha definición e unha reflexión sobre o papel dos centros de ensino para evitar o absentismo. Incluirá formación para a aprendizaxe socioemocional e a cohesión de grupo e establecerá tamén  mecanismos de coordinación entre os centros para facilitar a transición entre as etapas, especialmente dende a primaria.
  6. Posta en marcha do Consello Local da Infancia como órgano de representación dos menores e as menores na cidade e para potenciar a súa participación nas políticas municipais. Funcionará a través dun regulamento propio. Como primeira tarefa, proporemos a participación do consello no deseño e creación dun espazo público para uso de menores.