Unha cidade da innovación

#CoruñaInnova

O mapa económico da Coruña metropolitana é vizoso en áreas como a saúde, o mar, a industria téxtil ou as agroalimentarias. E tamén se abre a novas actividades en pleno desenvolvemento como as relacionadas cos videoxogos. Desde a Marea Atlántica cremos firmemente que a cidade debe vincularse a unha nova e puxante economía que ten que ver coa innovación, a investigación e a ciencia. Sempre en colaboración coa Universidade da Coruña e alentando o talento nestes campos con premios e bolsas. Nesta perspectiva apoiamos a implantación da Cidade das TIC na antiga Fábrica de Armas, que debe achegar á cidade novas tipoloxías de emprego asociado a unha revolución tecnolóxica que está xa en todas as áreas da nosa vida.

  1. Impulso á Cidade das TIC nos terreos da Fábrica de Armas en colaboración coa Universidade e o sector para consolidar A Coruña como capital da innovación nas tecnoloxías da información e a comunicación en Galicia. Implantación de empresas especializadas con infraestruturas comúns, creación de emprego, equipamentos cívicos para a contorna, dotacións de apoio ao emprendemento, espazo público de calidade e un modelo de vangarda na xestión dos residuos, a mobilidade e o consumo enerxético.
  2. Posta en marcha, en colaboración coa Universidade da Coruña, dun programa de atracción e fixación de talento científico, técnico e investigador na cidade e unha plataforma online de formación permanente, así como unha oferta formativa adaptada e especializada e un plan de mobilidade de persoal entre empresas e centros de coñecemento.
  3. Creación dunha área de goberno dedicada á innovación e o coñecemento e impulso do Consello da Ciencia e a Innovación, xunto cunha Oficina da Innovación que ofreza ao tecido económico unha xanela única e mecanismos de financiamento.
  4. Fomento da cultura innovadora e a innovación nas pemes e aposta pola creación de polos de innovación en sectores clave como a saúde, o mar, as actividades agroalimentarias, o téxtil e as TIC.
  5. Apoio á implantación de empresas innovadoras e ao emprendemento innovador, coa posta en marcha de novas aceleradoras e incubadoras, entre elas unha dedicada ao emerxente sector dos videoxogos. Estruturación dunha rede local de apoio ao empredemento e execución da Estratexia Metropolitana de Innovacion (Innova CM 2030).
  6. Creación de premios e bolsas para estimular e recoñecer a innovación responsable e medidas de apoio á organización de iniciativas tecnolóxicas globais na cidade.
  7. Fomento da iniciativa tecnolóxica pública iniciando e acompañando accións de innovación que melloren a calidade de vida da cidadanía e aborden problemas sociais reais dunha forma responsable, ética e transparente. Especificamente a través da colaboración en diferentes retos vinculados a sectores concretos como o emprego, a mobilidade e o medio ambiente.
  8. Creación dunha estratexia local en favor do uso da intelixencia artificial e a ciencia de datos, en colaboración co Centro de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña e co ecosistema tecnolóxico local, promovendo pilotos para la mellora na prestación de servizos co uso de algoritmos transparentes, éticos, reproducibles e auditables. Apoio á creación dun Digital Hub de Intelixencia Artificial na Coruña.