Unha cidade na que confiar
#CoruñaResponde
Nos vindeiros catro anos, o Concello da Coruña vai responder de xeito máis directo e áxil ás necesidades das persoas. Durante o primeiro mandato, a través das diferentes canles de comunicación e relación coa veciñanza, puidemos coñecer a necesidade que existe de mellorar a relación entre a administración e a cidadanía, facilitando os procesos, unificando trámites e achegando os servizos aos barrios e á xente a través da tecnoloxía. Afondaremos nese achegamento con novas ferramentas, novos servizos e máis recursos para que esa comunicación sexa cada vez máis directa e bidireccional.
- Creación de tres Xanelas Únicas, tres grandes Centros de Atención Integral á Cidadanía para garantir a descentralización, nos tres barrios máis poboados da Coruña. Situaranse no Ágora, en María Pita e no novo edificio administrativo da Antiga Fábrica de Tabacos, onde se creará unha nova oficina de atención cidadá integral cun novo rexistro.
- Mellora do servizo de atención telefónica do 010. De cara a que o Concello sexa unha administración aínda máis próxima, aumentaremos o orzamento e o persoal que atende o teléfono de atención cidadá. Trátase dun dos servizos mellor valorados pola cidadanía e que incrementa os seus recursos para mellorar aínda máis a calidade da súa atención.
- Posta en marcha dun punto de atención a entidades no Ágora, un espazo no que as entidades sen ánimo de lucro da cidade poderán asesorarse e recibir acompañamento para solicitar axudas, sinatura de convenios, participación en proxectos, desenvolvemento de ideas, etc.
- Descentralización e ampliación da Escola de Participación. Aumentaremos os recursos, o número de talleres e cursos e os estenderemos polos barrios para que a veciñanza reciba a formación que necesita para crear entidades, aprender a xestionalas, conseguir recursos, comunicar os seus proxectos, captar persoas voluntarias e socias, mellorar na súa xestión ou desenvolver proxectos.
- Nova normativa de uso dos espazos públicos e as instalacións municipais que facilite as xestións e o acceso por parte da veciñanza, que posibilite tanto a tramitación electrónica como a presencial, reduza a tramitación e os custos asociados e sistematice todas as modalidades.
- Mellora da atención ás persoas contribuíntes, incrementando as facilidades de pago introducidas neste mandato e modernizando a administración tributaria local, simplificando o conxunto de taxas locais, racionalizando e reducindo as existentes na actualidade, mellorando a información e avanzando cara á dixitalización plena das relacións coa cidadanía e potenciando o uso dos medios de pago dixitais. Posta en marcha do calendario fiscal á carta.
Retos