Unha cidade feminista

#CoruñaFeminista

A cidade da Coruña amosou na rúa que o feminismo e a liberdade sexual e afectiva son imprescindibles para a vida. Por iso creamos unha Concellería de Igualdade e loitamos por dar resposta ás demandas das mulleres e dos colectivos LGTBQI+ con iniciativas coma a Escola de Empoderamento Feminista e o Espazo de Diversidade Sexual e Identidade de Xénero, e desenvolvendo medidas coma o Plan de Igualdade do Concello da Coruña. Queremos continuar ese camiño co obxectivo de lograr unha cidade libre de violencias machistas, corresponsable nos coidados e integradora, que colabore na visibilización e sensibilización da igualdade. Queremos seguir traballando no respecto pola diversidade e a liberdade sexual e o fomento de políticas e medidas que garantan a igualdade nos espazos públicos e nos privados. Para a Marea Atlántica, as políticas de xénero non son un brinde ao sol. Son unha realidade que vén acompañada de orzamento para continuar actuando de forma transversal, inundando de feminismo toda a acción do goberno, para que tamén se vexa reflectido na rúa.

  1. Creación da Casa das Mulleres “Marcela e Elisa”. Un espazo que será sede da Escola de Empoderamento Feminista. Ademais, contará con instalacións a dispor para o tecido asociativo feminista e de mulleres na cidade, acollerá o Espazo de Diversidade Sexual e Identidades de Xénero, o servizo de canguraxe e o Centro de Infomación á Muller (CIM).
  2. Aumento progresivo dos recursos destinados á igualdade de xénero ata acadar un mínimo do 1% do total ao final do mandato e incorporación da perspectiva de xénero na elaboración dos orzamentos municipais.
  3. Ampliación do servizo de canguraxe, que terá máis orzamento para fomentar a corresponsabilidade e a atención pública no coidado dos e das nenas. Regularase mediante unha ordenanza.
  4. Incremento dos recursos humanos de atención do Centro de Información á Muller (CIM). Ampliarase tamén a formación para a prevención de todo tipo de violencias contra as mulleres a través do programa Coruña Educa.
  5. Elaboración do IV Plan de Igualdade do Concello da Coruña e reforzo dos recursos económicos e técnicos do Observatorio Municipal de Igualdade e Diversidade.
  6. Consolidación da programación da Escola de Empoderamento Feminista para fomentar a participación e creación de redes horizontais de mulleres.
  7. Incremento das axudas destinadas á prevención da violencia de xénero, sociedade diversa e educación para a cidadanía global para afondar na promoción do traballo do tecido asociativo feminista.
  8. Ampliación dos programas de visibilización, sensibilización, empoderamento e organización dirixidos á comunidade LGTBIQ+. Consolidación do Espazo de Diversidade Sexual e Identidades de Xénero para lograr unha cidade na que a diversidade e a liberdade afectivo-sexual e de xénero sexan dereitos garantidos.
  9. Desenvolvemento de medidas para mellorar a inclusión das mulleres en situación de vulnerabilidade na cidade. Elaboración de programas específicos dirixidos a este conxunto de mulleres que pola súa interseccionalidade acumulan desvantaxes que lles impiden exercer a súa cidadanía de pleno dereito.
  10. Campaña de difusión e información dos servizos municipais, programas e axudas en igualdade e diversidade de xénero. Sempre é preciso reforzar e garantir o aceso á información, especialmente dos colectivos máis desfavorecidos para o exercicio dunha cidadanía activa.