Unha cidade que vive os mercados

#CoruñaMercados

Os mercados municipais son o corazón do barrio no que asentan. Son espazos de fomento do comercio e da produción local, lugares de proximidade, pero tamén de socialización. Un pequeno ecosistema urbano que hai que coidar. Por iso, apostamos por potenciar o seu carácter de espazo público de referencia, renovándoos con obras de mellora e rehabilitación, aproveitando a oportunidade para ampliar os seus servizos.

  1. Execución dos proxectos de remodelación dos mercados de Santa Lucía, Monte Alto e Durmideiras e dos de renovación da contorna en San Agustín e Ramón Cabanillas, impulsados durante o mandato anterior. Suporá un importante investimento e permitirá ademais dotar estes equipamentos de novos usos complementarios.
  2. Creación dunha plataforma loxística para pequenos produtores da área metropolitana, referente na produción ecolóxica e agrícola. Este novo centro de distribución de proximidade e pequena escala serviría, ademais, para impulsar o desenvolvemento de proxectos produtivos.
  3. Aprobación dunha nova ordenanza de mercados que modernice e dinamice a rede, impulsando tamén concursos permanentes de acceso aos postos baleiros, unha oportunidade para reforzar a oferta e dar oportunidades a colectivos de difícil inserción laboral.
  4. Articulación dun programa de formación continua ás praceiras e aos praceiros, que facilite o aumento na variedade da oferta e reforce os vínculos co sector da hostalaría.
  5. Implementación dun novo sistema de reparto a domicilio en todos os mercados coruñeses.
  6. Creación do selo “Eu compro nos mercados” para distinguir a hostalaría coruñesa que aposta por estes equipamentos clave e promoción de eventos de dinamización e difusión vinculados aos valores culturais e gastronómicos.
  7. Lanzamento dunha campaña de sensibilización cidadá cara aos mercados, os seus profesionais e os seus produtos e posta en marcha dun programa de visitas dos centros escolares.
  8. Celebración dun Congreso Anual de Alimentación Saudable vinculado aos mercados.
  9. Elaboración dunha guía turística de mercados para a súa promoción exterior.