Unha cidade de cores

#CoruñaDiversa

A riqueza da Coruña radica na súa pluralidade. A administración local debe ter as ferramentas necesarias para poder responder ás necesidades de todas as veciñas, tamén das que non naceron na nosa cidade pero que son parte indispensable. Os servizos públicos teñen a obriga de contar con recursos necesarios para favorecer a inclusión e o acollemento de toda a cidadanía.

  1. Elaboración dun Plan de Inmigración e Xestión da Diversidade do Concello da Coruña impulsado desde a Unidade de Atención ás Migracións Internacionais (UAMI) e que conte coa participación dos axentes implicados na xestión das diversidades e coa veciñanza con experiencia migratoria.
  2. Aumento no número de recursos humanos e técnicos de atención da Unidade de Atención ás Migracións Internacionais (UAMI) para que deixen de ser servizos unipersoais e, así, incrementar a atención cidadá e a resposta ás demandas dos veciños e veciñas procedentes do estranxeiro.
  3. Creación do Informe de Veciñanza dirixido á poboación estranxeira. Os servizos xurídicos da Unidade de Atención ás Migracións (UAMI) xunto coas unidades de Servizos Sociais poderán emitir un informe a petición da persoa interesada para acreditar o arraigo na cidade da Coruña como veciños e veciñas.
  4. Un cemiterio que tamén teña en conta a diversidade. A pluralidade da Coruña queda patente incluso no ámbito relixioso e espiritual, motivo polo que habilitaremos un espazo de enterramento que atenda ás necesidades das diversas relixións da cidade.
  5. Fomento da participación e toma de decisións por parte das comunidades diversas da cidade. Necesitamos que a veciñanza migrante se sinta e actúe como o que é: cidadanía de pleno dereito. Por iso, poremos en marcha mecanismos de aproximación a estes colectivos, tanto mediante axentes de mediación cultural como entidades do terceiro sector.