Unha cidade para convivir

#CoruñaEspazoPúblico

A Marea Atlántica entende a intervención no espazo público como a prolongación do dereito á cidade, como unha ferramenta máis para reforzar a cohesión social e a democracia. Nos pasados catro anos, empregamos esa ferramenta para atallar demandas históricas da veciñanza, equilibrar as necesidades dos barrios e abordar máis de 600 obras precisas para mellorar a calidade de vida e a accesibilidade. A peneira para graduar as accións foi a inclusión e a guía para distribuír as obras polo territorio foi a conectividade. É así como se priorizan as intervencións cando se consideran unha cuestión de xustiza social. Cando se pensa en expandir a accesibilidade universal, o saneamento e a humanización do espazo público. Este compromiso esencial da Marea Atlántica manterase no vindeiro mandato. Seguiremos coidando o espazo público ao tempo que abordamos as grandes transformacións urbanas para as próximas décadas.

  1. Revitalización da Cidade Vella e a Pescaría coa mellora do seu espazo público. A nosa aposta por incrementar a calidade urbana da zona PEPRI traducirase en distintas actuacións de renovación dos pavimentos e as redes de infraestruturas en ámbitos como a contorna de San Agustín, o Casco Histórico ou Panadeiras.
  2. Recuperación dos Cantóns para uso cidadán, como infraestrutura para eventos e como espazo de interacción na mobilidade metropolitana. Propoñemos adaptar os carrís á actual demanda de tráfico, ampliar o espazo peonil e mellorar a relación cos xardíns de Méndez Núñez.
  3. Humanización da Sardiñeira a través da intermodal. Os accesos á nova estación son unha oportunidade para resolver os problemas de circulación do barrio dos Mallos e mellorar a calidade do seu espazo público. Interviremos na Avenida de Arteixo, na Agra dos Mallos e nas avenidas da Sardiñeira e do Ferrocarril.
  4. Reurbanización da rúa Ramón y Cajal, unha vía principal e de confluencia entre barrios que se converterá nunha zona de paseo, respectando a súa funcionalidade. Terá carril bici e unha nova rotonda en cada extremo para dar fluidez ao tráfico mellorando a seguridade e a accesibilidade peonil.
  5. Demolición do viaduto da Rolda de Nelle. O proxecto mellorará as condicións ambientais e suporá a renovación da vía entre as rúas San Sebastián e Aaiun. Implantarase o carril bici, ampliarase o espazo para as persoas e crearase un traxecto de preferencia peonil entre As Conchiñas e o parque de Santa Margarita pola avenida da Gramela e as rúas San Sebastián e Perpendicular a San Mateo.
  6. Naturalización e humanización do Paseo Marítimo nos Pelamios. No treito entre a Mestranza e Durmideiras, acometeremos un proxecto que mellorará espazo peonil, introducirá a natureza e favorecerá a conexión entre a cidade e o bordo litoral.
  7. Construción dunha nova praza no entorno de José María Hernansáez. Co obxectivo de ampliar os espazos públicos no barrio do Castrillón, reurbanizaremos esta zona interior para xerar unha nova área de lecer para a cidadanía.
  8. Mellora da seguridade no entorno dos centros escolares. Continuaremos a traballar nestes ámbitos para garantir a accesibilidade. Introduciremos barreiras físicas para protexer as cativas e os cativos do tráfico rodado, ampliaremos os espazos públicos con mobiliario urbano e máis arborado para facelos máis confortables, ampliando as rutas escolares seguras.
  9. Renovación completa de rúas en todos os barrios para poñer ao día o espazo público, dotalo de accesibilidade universal e mellorar os equipamentos, a iluminación e os firmes. Temos máis de medio cento de actuacións previstas, dendePla y Cancela, na Falperra, a Victoria Fernández España, en Zalaeta, e dende Ramón Cabanillas, nos Mallos, á rúa Rafael Bárez, no Castrillón.
  10. Humanización e accesibilidade dos polígonos industriais, nos que se mellorará e naturalizará o espazo público e se incrementarán a conectividade e a accesibilidade cos barrios adxacentes. Reurbanizarase a rúa Severo Ochoa, reordenarase o espazo de aparcadoiro e tráfico da vía, introducirase carril bici por Isaac Peral en  Agrela e darase acceso peonil a Pocomaco dende O Birloque.
  11. Solución ás carencias na rede de saneamento. Para rematar coas verteduras na cidadecontinuaremos instalando redes separativas. Farase, por exemplo, na Zapateira, nas rúas Dublín, Burdeos e Atenas, entre outras.