Unha cidade en orde

#CoruñaUrbanismo

Coa Marea Atlántica, o urbanismo pasou a ser un dereito de todos e de todas e non o  negocio duns poucos, porque a cidadanía ten que poder gozar de espazos públicos, accesibles e pensados para a vida. Conseguimos que as primeiras familias entrasen no Ofimático e evitamos que a herdanza vazquista do edificio Conde de Fenosa levase o consistorio á bancarrota. Agora, mentres continuamos a poñer en orde o urbanismo doutros tempos, miramos ao futuro. O actual Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), ideado na época da burbulla inmobiliaria, xa non responde ás expectativas dunha cidade que non quere medrar á custa do seu patrimonio e da súa calidade urbana. Por iso, abordaremos a súa revisión para adaptalo ás necesidades e desafíos das próximas décadas. Dende o bordo litoral aos núcleos históricos, pasando polas grandes zonas verdes e a protección do patrimonio arquitectónico da Coruña.

  1. Protección do noso litoral. Revisaremos e adaptaremos o planeamento para coidar  do noso maior patrimonio. Acometeremos o Plan Especial da Torre para protexer e conservar este espazo da depredación urbanística e elaboraremos a Carta Litoral que guíe o futuro da transformación dos peiraos interiores.
  2. Reordenación do bordo costeiro da Cidade Vella para dar resposta ás necesidades do barrio e poñer en valor as murallas históricas da cidade, dende as Naves do Metrosidero até a Solana, pasando pola Mestranza.
  3. Dignificación dos núcleos históricos da cidade a través da modificación do planeamento. Isto permitiranos intervir e mellorar as condicións de urbanización a través de iniciativa pública nos máis de 30 núcleos tradicionais que perviven na cidade. Potenciaremos a rexeneración urbana de espazos como San Pedro de Visma, Palavea, Feáns, Mesoiro Vello, Bens, Nostián e as Xubias.
  4. O Parque Ofimático, un barrio máis. Remataremos as obras de urbanización que restan por acometer no polígono, dotarémolo de equipamentos básicos e constituiremos as conexións entre o Ofimático e Matogrande. Á vez, seguiremos a traballar para protexer as vivendas da Pereiroa, no núcleo de Elviña.
  5. Apertura do Parque do Observatorio. Executaremos a modificación do planeamento necesaria para aumentar a superficie de espazo verde no barrio da Agra e protexer o núcleo do Camiño do Pinar e a Viaxe de Visma, convertendo o edificio do Observatorio Meteorolóxico nun equipamento para a cidade.
  6. Un parque metropolitano no Castro de Elviña. Elaboraremos un plan director que servirá de guía para definir as intervencións que converterán o castro e os seus arredores nun gran espazo aberto a toda a veciñanza da Coruña e a contorna, preservando o seu enorme valor patrimonial.