Unha cidade conectada
#CoruñaMobilidade
A Marea Atlántica puxo de relevo que a mobilidade é tamén unha cuestión de xustiza social e de coidado ambiental. A Coruña é agora unha cidade cun carril bici útil e conectado, que duplica os quilómetros que tiña hai catro anos, e un sistema de transporte urbano cunhas tarifas máis baratas e xustas. O cambio en profundidade que esixe a revisión dun sistema de mobilidade que foi crecendo sen contar coa sostibilidade terá a súa continuidade nos vindeiros catro anos coa incorporación de medidas que faciliten e impulsen o uso de todos os colectivos da cidade, en especial os máis vulnerables, ao transporte público, tanto en autobús como en bicicleta. Estas medidas axudarán a garantir o acceso en igualdade da veciñanza a servizos básicos, así como o desenvolvemento dunha vida máis inclusiva.
- Reforma do sistema de autobús urbano. Melloras nos percorridos das liñas que entran no istmo, o que permitirá gañar espazo para as persoas e mellorar a calidade urbana na Pescaría. Aumento das frecuencias nos barrios peor comunicados hoxe, así como nos principais nodos de actividade diaria na cidade. Implantación dunha nova liña con marcado carácter metropolitano que conecte as vías de entrada na cidade coas estacións de autobuses e tren, o polígono de Agrela e o centro comercial Marineda. Fomento da cultura do transbordo. Mellora da conectividade dos centros hospitalarios e de saúde con paradas, liñas e frecuencias. Ampliación do horario do bus nocturno na fin de semana.
- Ampliación da rede de carril bici, dos 35 km actuais aos 60 km. Incremento do servizo de bicicleta público Bicicoruña das 23 estacións que ten hoxe até as 50, introducindo a bicicleta eléctrica na flota, que ampliará os seus horarios para ofrecer unha alternativa no lecer da mocidade.
- Modificación da Ordenanza municipal de Transportes. A actualización do regulamento permitirá incorporar o transporte de bicicletas nos autobuses, regular o sistema de actualización de tarifas e incluír a normativa vinculada á tarxeta Millennium.
- Creación de novos perfís <26 e >65 do bus urbano, así como outros para persoas en situación de vulnerabilidade e con diversidades funcionais. Isto implicaría unha redución do prezo do billete para fomentar o transporte público nos colectivos máis dependentes por motivos de desigualdade, motricidade, mobilidade ou renda.
- Renovación dos autobuses para introducir novos sistemas de propulsión (híbridos, eléctricos, gas metano) que reduzan a contaminación.
- Acondicionamento das paradas do bus urbano para que sexan accesibles e máis confortables e operativas e revisión da concesión das marquesiñas.
- A mobilidade de último tramo, no foco, a través de transporte sostible, mediante a instalación de estacións de bicicletas nos grandes intercambiadores de autobús.
- Creación da Oficina da Bicicleta. A súa función será impulsar o uso da bicicleta, planificar o crecemento da rede e implantar o rexistro municipal de bicicletas. A Oficina colaborará con EMVSA para planificar o servizo público en bicicleta e as alternativas para o seu estacionamento e custodia. Ademais, faranse públicos, con estándares abertos, todos os datos relativos a este transporte.
- Incremento nas licenzas de taxis adaptados. Porque garantir o transporte público adaptado é esencial para ter unha cidade igualitaria e accesible.
- Unha cidade camiñable. Para fomentar o desprazamento a pé cómpre mellorar o deseño de vías, prazas, parques e rotondas de maneira que se acurten camiños e minimicen os rodeos.
- Remunicipalización dos aparcadoiros da cidade, un traballo que xa comezamos no primeiro mandato. Garantiría un servizo público de calidade e unha rede rexida por unha ordenanza común. Hai que recuperar os servizos públicos para o beneficio da veciñanza e da cidade facendo da remunicipalización un mecanismo para desenvolver políticas públicas, como fixemos coas bibliotecas.
- Mellora integral da sinalización en toda a cidade, para facilitar a orientación na mobilidade diaria e na turística.