Unha cidade que mira ao mar

#CoruñaAtlántica

Nestes catro anos, a Marea Atlántica logrou abrir á cidade o debate sobre o futuro do seu porto. Nunca antes se dera semellante efervescencia cívica e nunca antes se puxeran en cuestión os convenios urbanísticos asinados en 2004, acordos que hipotecan o maior espazo de oportunidade da Coruña para aliviar a débeda do Porto Exterior. Foron meses de mobilización, de diálogo e reflexión, pero tamén de participación, nos que o goberno local puxo en marcha iniciativas como o Foro Tecendo Litoral, o concurso de ideas para a transformación dos peiraos ou o espazo Tribuna Pública. Máis alá do espazo portuario, a sensibilización colectiva sobre o noso litoral impulsou a reactivación dos procesos para protexer contornas naturais costeiras como as da Torre e as Illas de San Pedro, a eliminación de verteduras ou as accións xuvenís de coidado ambiental no San Xoán. A Coruña é unha cidade atlántica chamada a reconciliarse co mar, tamén no plano produtivo co apoio ao sector pesqueiro e a aposta pola innovación na economía azul.

  1. Revisión dos convenios urbanísticos de 2004 e do PXOM para impulsar un proxecto de recuperación dos terreos portuarios para a cidade sobre novas bases: aposta polos equipamentos, o espazo público de calidade, a infraestrutura verde e a mobilidade sostible; condonación ou alivio equivalente da débeda; titularidade pública do solo e iniciativa pública na súa transformación, mediante a constitución dun consorcio ou sociedade participada por todas as administracións; mantemento dos usos produtivos limpos e innovadores ligados, en particular, á economía azul.
  2. Apertura inmediata á cidade dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería para dedicalos á cultura, o lecer, a práctica deportiva e a conciliación familiar e laboral, dando continuidade aos Xardíns de Méndez Núñez. Creación dun Centro de Cultura Contemporánea e outros equipamentos nun proxecto que terá nas migracións o seu fío condutor, como homenaxe á nosa memoria colectiva e como símbolo do movemento global de ideas e persoas.
  3. Declaración da Ría do Burgo como espazo natural protexido supramunicipal.   Recuperación da ría e das súas marxes como espazo aberto ao uso da cidadanía tendo en conta tanto o seu valor ecolóxico como os seus potenciais para o lecer, a aprendizaxe e a convivencia. Para iso, instarase a outras administracións, e de maneira especial ao Ministerio de Medio Ambiente, a financiar e executar os proxectos de rexeneración longamente demorados.
  4. Mellora da calidade das augas fluviais e costeiras, nunha nova fase do Plan de Vertido Cero desenvolvido nestes catro anos para acabar coas verteduras contaminantes á ría, para unha mellora continua da calidade das augas fluviais e costeiras.
  5. Recuperación dos ríos, fontes e humedais da Coruña. Acondicionamento e posta a disposición da cidadanía dos leitos fluviais do municipio, como os do río de Monelos nos tramos do Val de Feáns e do río de Mesoiro ou a recuperación do río de Pastoriza, ademais do tramo do río de Quintas que xa está en curso. Restauración dos lavadoiros, fontes, humedais e estanques.
  6. Apoio ao sector pesqueiro e á súa lonxa, mediante políticas de promoción do emprego e relevo xeracional, mellora das capacidades portuarios para os servizos á pesca e á comercialización e campañas de promoción dos produtos do mar.