Unha cidade amable cos animais

#CoruñacosAnimais

No mandato que agora remata, A Coruña converteuse nunha cidade comprometida co sacrificio cero, que se despediu das touradas e dos espectáculos con animais, un compromiso que renovamos e redobramos nos próximos catro anos facéndoo extensivo á totalidade dos eventos e espectáculos que se celebran na cidade. Tamén se incorporaron criterios de benestar animal a todos os proxectos do espazo público, como foron a ampliación das áreas de esparexemento canino ou a implantación das colonias felinas controladas, en colaboración coas asociacións protectoras de animais. O noso compromiso segue firme coma o primeiro día. Queremos que esta sexa unha cidade na que a convivencia entre os animais e a veciñanza sexa respectuosa e pacífica, polo que continuaremos a traballar na creación de espazos específicos e en campañas de sensibilización para o respecto, control e coidado dos animais que conviven con nós.

  1. Modernización e ampliación do Centro Municipal de Acollida de Animais, remunicipalizando o servizo e reformulando a atención aos animais abandonados co compromiso do sacrificio cero. Creación dunha rede de vivendas de acollida temporal e dunha estratexia de sensibilización cidadá contra o abandono.
  2. Nova ordenanza municipal de benestar animal. A normativa municipal vixente data de 1997 e resulta necesario actualizala. A sensibilidade da sociedade cara ao benestar dos animais mudou até tomar conciencia dos seus dereitos e da necesidade de darlles espazo na cidade e nas políticas municipais. A modificación da ordenanza debe consolidar e ampliar estes cambios, afianzando dereitos pero tamén deberes: o de promover unha tenza responsable dos animais e co espazo público de uso común, a fin de ter unha convivencia harmoniosa, respectuosa e satisfactoria entre as persoas e os animais, domésticos e silvestres.
  3. Cidade amigable cos animais. Creación da rede de espazos amigos dos animais, que inclúan toda clase de establecementos nos que se permita o acceso con mascotas. Incorporaranse nun rexistro que poderá ser consultado por toda a veciñanza. Ademais, coa fin de ampliar os espazos que permiten o acceso de mascotas, poremos en marcha un proxecto piloto de identificación e acceso de “cans tranquilos” a equipamentos municipais.
  4. Coidado e protección da fauna silvestre da cidade a través de convenios de colaboración con asociacións cidadás e centros de investigación, de cara a promover a conservación da nosa biodiversidade.
  5. Novas áreas de esparexemento canino. Incorporaremos novos espazos da cidade, como é o caso de San Diego e Monte Alto, onde os cans poidan correr libres.
  6. Ampliación das colonias felinas controladas a outros puntos da cidade, mediante o método CES (Captura, Esterilización e Solta), traballando en coordinación coas asociacións protectoras de animais, para continuar co control da poboación felina e o mantemento do espazo público.