Unha cidade para vivir
#CoruñaVivenda
Arredor da vivenda converxen moitas das manifestacións de desigualdade dunha cidade, tamén da Coruña: a falta de adecuación do parque inmobiliario coas necesidades de residencia, a escalada do prezo do aluguer ou a pobreza enerxética, que se suman aos efectos da última crise hipotecaria para xerar barreiras que supeditan o lugar de residencia ao nivel de renda. Como consecuencia, os barrios perden a súa diversidade social, expulsan unha parte da súa veciñanza e fan máis difícil o arraigo. Nun novo ciclo especulativo que non fai máis que agudizar esta situación, as políticas de vivenda teñen que servir para reequilibrar a balanza, coa atención posta nos colectivos máis vulnerables aos efectos da especulación e coa vista posta no coidado de todos os barrios.
- Ampliación dun 20% do parque municipal de vivenda, coa construción de vivendas de aluguer social en distintos ámbitos, entre eles os das parcelas municipais de Marqués de Pontejos e o Ofimático, para intervir nos prezos do mercado de aluguer e mellorar a diversidade socioeconómica nos barrios, apostando por construcións respectuosas co medio ambiente.
- Solucións para os asentamentos precarios, a través do Plan de Acceso ao Hábitat Digno, que posibilitou no último mandato o realoxo de máis de vinte familias, a demolición da Nave da Conserveira Celta na Pasaxe e a mellora das condicións de vida no barrio do Campanario.
- Creación dunha bolsa de pisos de alugueiro para colectivos con dificultades de acceso á vivenda mediante convocatoria pública da Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA), para a obtención das vivendas e a súa posterior adxudicación a colectivos con dificultades de acceso vía concurso público.
- Incorporación ao planeamento e normativa urbanística municipal do réxime das vivendas turísticas, aos efectos da súa regulamentación sostible.
- Novo impulso á rehabilitación, diversificando o obxecto das convocatorias de axuda e as formas de acompañamento da administración. Novas convocatorias de subvencións á rehabilitación con fondos municipais e desenvolvemento das Áreas de Rehabilitación Integral e de Rexeneración e Renovación Urbanas.
- Desenvolvemento dun Plan Director do Barrio das Flores que contemplará todas as actuacións para revitalizar esta zona da cidade.
- Actualización do Rexistro Municipal de Soares vacantes e edificacións abandonadas en estado de ruína, aplicando os instrumentos legais para dar cumprimento á función social da propiedade.
- Creación dun organismo de participación sectorial en materia de vivenda no que estean presentes asociacións de persoas inquilinas, axentes da propiedade inmobiliaria, colexios profesionais e Universidade, onde consensuar o futuro Plan de Vivenda Coruña 2030, que dará lugar á creación dun Observatorio do Dereito á Vivenda.
- Reclamación á Xunta da delimitación espacial de ámbitos de rehabilitación edificatoria ou de rexeneración ou renovación urbanas, e para que posibilite a adquisición de soares e inmobles por parte do Concello para a súa incorporación ao patrimonio público do solo e da vivenda.
- Activación dos soares propiedade do Concello para a promoción de vivenda pública con fins sociais, fomentando tamén as modalidades de tenza non especulativa como é o dereito de superficie e cesión de uso, con preferencia de destino para as cooperativas de vivenda.
- Convocatoria para a adquisición de vivenda baleira para o aumento do parque municipal, dirixida especialmente a edificios completos abandonados e á intervención no casco histórico e na zona delimitada polo Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI).
- Bonificación do 95% da cota do IBI para vivendas de aluguer social a prezo taxado e asunción por parte do Concello do imposto correspondente ás de titularidade municipal. Elaboración do censo de vivendas baleiras, con obxecto de aplicar o recargo do 50% da cota do IBI en canto a Xunta ou o Estado o desenvolvan normativamente.
- Esixencia á Xunta da regulación e aplicación do dereito de adquisición preferente para o Concello (en exercicio do dereito de tanteo e retracto) na transmisión de inmobles completos en aluguer, aos efectos de incorporalos ao patrimonio municipal da vivenda con destino ao seu aluguer social a prezo taxado.