Unha cidade en contacto coa natureza

#CoruñaVerde

Unha cidade comprometida coa saúde, coa natureza e coa loita fronte ao cambio climático ten que incrementar o seu arborado, ter amplas e variadas zonas verdes para gozar da mellor calidade do aire posible e proporcionarnos un contacto frecuente coa natureza. Nestes catro anos incrementamos o arborado nun 10%, con 1.500 exemplares adultos novos, e reformamos o estanque de Eirís, que hoxe é unha lagoa urbana chea de vida. Estudamos a natureza en todos os barrios para saber onde están e cales son as 3.000 especies coas que convivimos. Protexemos espazos naturais como as Illas de San Pedro e a contorna da Torre de Hércules e adaptamos o plan de segas á cría das especies para volver gozar hoxe da presenza de aves e flores que había décadas que case non estaban. Construímos cinco espazos de ecohortas con máis de 500 persoas usuarias, eliminamos os herbicidas tóxicos e elaboramos a Estratexia de Infraestrutura Verde para que natureza e saúde vaian da man. Pero queda moito por facer.

  1. Expansión de zonas verdes. O proxecto Bosques da Coruña terá neste mandato máis de 160.000 m2 novos de natureza para o lecer, o deporte e o xogo ao aire libre. O Bosque das Cinco Illas conectará o barrio dos Rosais co monte de San Pedro, duplicará a extensión desta zona verde e sumará máis de 6 quilómetros de sendeiros. O Bosque de Breogán, en Feáns, será o contacto co bosque autóctono na cidade e estará conectado, a través do proxecto Sendeiros da Coruña, co río Mesoiro, Elviña e o seu castro e os barrios de Novo Mesoiro e Feáns.
  2. Remodelación integral de xardíns históricos. A Praza da Fariña, o Campo de Marte e os xardíns de San Carlos atesouran un valor histórico e ambiental que precisamos conservar. Tamén melloraremos o parque de Bens, cunha maior dotación para nenos e nenas, e outros espazos máis pequenos, como a praza da Sagrada Familia ou Padre Rubinos, imprescindibles para ter espazos verdes en barrios moi densos.
  3. Segunda fase do Plan de Expansión do Arborado. O incremento do 25% no número de árbores da cidade, unhas 4.000 máis, permitiranos estar máis preto da ratio que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS). Elixiremos especies adaptadas á cidade, que aumenten o cromatismo e nos axuden a ter unha Coruña máis saudable.
  4. Rede de Espazos Naturais Protexidos. Continuaremos co estudo dos valores naturais e as medidas de conservación dos espazos para convertelos en aulas de contacto coa natureza urbana. Ademais, promoveremos a protección do río Monelos en paralelo á súa restauración ambiental ao seu paso por Feáns e da Ría do Burgo como espazo natural supramunicipal de alto valor ambiental.
  5. Plan de Acción de Infraestrutura Verde. A Coruña converteuse nunha  cidade pioneira no Estado na elaboración dunha Estratexia de Infraestrutura Verde propia, pero cómpre agora elaborar o Plan de Acción 2019-2023 para determinar as actuacións que deseñarán a expansión da natureza nos espazos que máis contribúan á saúde física e social da persoas. E por iso farémolo de xeito participado, entre todas.
  6. Espazos verdes temporais en soares abandonados. O incremento de  novas zonas verdes en moitos barrios é xa imposible polo alto desenvolvemento urbanístico. Pero en toda a cidade hai soares que poderían empregarse como pequenas áreas verdes se así o acordamos coas persoas ou entidades propietarias mentres non lles dean outro uso.
  7. Recuperación das hortas tradicionais. Daremos unha nova vida ás antigas eiras agrícolas que aínda perviven nas zonas rurais da cidade e non están traballadas mediante fórmulas de cesión e establecemento de protocolos.