Unha cidade sen barreiras

#CoruñaSenBarreiras

A Coruña é unha cidade coidadora e, como tal, dende o Concello hai que facer posible que todas as persoas teñan cabida baixo o mesmo paraugas. Do mesmo xeito que a sociedade é plural, a nosa cidade ten que configurarse dende un prisma de diversidade. Debemos construír unha Coruña accesible, sen barreiras que afonden na desigualdade. O pasado mandato puxemos os vimbios para favorecer a adaptación ás normativas de accesibilidade. Agora, toca dar un paso máis.

  1. Implantación nos espazos municipais de sistemas visuais de información, como pictogramas e itinerarios sinalizados, para afondar na eliminación de barreiras. Nova tarxeta Millennium Sen Barreiras, unha porta aberta a unha administración 100% accesible. Esta tarxeta identificará ante a administración ás persoas con diversidade funcional e terá un carácter universal, xa que con ela poderemos ter acceso ao autobús urbano ou ás bibliotecas municipais, así como outros servizos especializados, dende videointerpretación en lingua de signos, reserva de prazas en actividades municipais con asistencia adaptada ou acompañamento para a realización de trámites.
  2. Creación do Centro Municipal de Atención Sen Barreiras, un novo servizo público no que as persoas con diversidade poderán acceder a asistencia legal, sociolaboral e psicolóxica.
  3. Ampliación do programa de canguraxe cun servizo específico para a atención á diversidade, que contará con persoal especializado.
  4. Implantación nos espazos municipais de sistemas visuais de información, como pictogramas e itinerarios sinalizados, para afondar na eliminación de barreiras.  
  5. Educación en saúde afectivo-sexual para persoas con diversidade funcional no Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar, que contará cun servizo de asesoramento específico.
  6. Fomento da inclusión a través da contratación pública. O Concello continuará desenvolvendo políticas públicas de inclusión a través da introdución de cláusulas estratéxicas nos pregos das licitacións públicas.
  7. Deseño para todos e para todas. A cidade contará con pasamáns e puntos de apoio en áreas de lecer e paseo para axudar ás persoas con mobilidade reducida, lugares para cambiar a persoas adultas e espazos accesibles e adaptados de actividade física para  persoas non autónomas.
  8. Zonas de baixo estrés sensorial nos grandes eventos, con illamento acústico e espazos de movemento libre, para que as persoas con diversidade funcional tamén poidan gozar deles. Comezará como programa piloto.
  9. Posta en marcha dun Banco de Recursos para a Accesibilidade a través dun proceso participativo coas entidades especializadas en diversidade funcional para almacenamento e intercambio de materiais de apoio que poden mellorar a vida das persoas (muletas, cadeiras, guindastres, etc).
  10. Accesibilidade universal nas praias de Oza, San Amaro e Riazor. Polas súas características, estes son os areais que mellor se poderán adaptar ás normativas de accesibilidade. Eliminaranse as barreiras arquitectónicas, adaptaranse os aseos e garantirase o desprazamento pola area a través de infraestruturas básicas.