Unha cidade no mundo
#CoruñaGlobal
A Coruña está moi ben posicionada, pola súa propia historia e polo seu tecido socioeconómico, para ofrecerse ao mundo. A nosa cidade é con frecuencia a sede de grandes eventos e congresos que atraen milleiros de profesionais e que achegan dinamismo económico e emprego. Ese sinal de identidade debe ser fortalecido para acadar unha maior proxección da cidade no estado e no contexto internacional. Este labor tamén se debe facer en colaboración con organismos de ámbito galego, español ou europeo que contribúan á nosa difusión exterior e ao coñecemento das nosas potencialidades. Por iso tamén consideramos estratéxico un Plan de Turismo que nos posicione nos grandes mercados e por iso mesmo necesitamos incrementar e orientar a conectividade do noso aeroporto, o que máis medra de Galicia na actualidade.
- Implementación do plan de acción das Bases de Acción Exterior do Concello da Coruña, aprobadas no primeiro trimestre de 2019, e creación dunha unidade especializada dependente da Alcaldía.
- Creación dunha plataforma online en diversas linguas que centralice a proxección global da Coruña, tanto nos ámbitos económico e turístico como nos da cooperación ao desenvolvemento e a participación en redes internacionais de cidades, que se articularán en torno ao novo modelo de cidade sostible, inclusiva e innovadora e aos seus valores.
- Activación do Consello Local de Acción Exterior e apertura dun foro permanente de diálogo e coordinación coa Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia.
- Impulso á reflexión sobre a proxección internacional da Coruña e o papel das cidades como actores globais coa creación da Cátedra de Acción Exterior na Universidade da Coruña e co reforzamento da colaboración co Instituto de Análise e Documentación Internacional (IGADI).
- Celebración, con carácter bianual, do Foro Coruña Global.
- Apoio á internacionalización da actividade económica e das entidades da cidade, á atracción de eventos de referencia e á participación de actores locais de sectores estratéxicos en redes internacionais, con especial atención ao campo da innovación.
- Execución do Plan Estratéxico de Turismo para aumentar a promoción turística internacional, con especial atención aos novos mercados, e superación da fórmula do consorcio coa posta en marcha dunha empresa pública de promoción turística.
- Posta en marcha dun programa de atracción de grandes eventos á nosa cidade, con dotación orzamentaria propia e en coordinación con Deportes, Cultura e Innovación, e dun Convention Bureau para reforzar a celebración de congresos na cidade.
- Aumento da conectividade do aeroporto de Alvedro, con especial atención ao mercado europeo.