Unha cidade coidadora
#CoruñaCoida
Unha das nosas premisas é poñer as persoas no centro, revalorizando o concepto de vida e atacando as lóxicas patriarcais e neoliberais que relegaron os coidados e a sustentabilidade da vida ás marxes. A Coruña coidadora é a que empatiza coas situacións de vulnerabilidade, a que se organiza ante as necesidades da comunidade, a que crea sinerxías para que a realidade se transforme. Nestes cambios, nos que as mulleres temos un papel esencial, é imprescindible desestigmatizar a dependencia, dende a convicción da interdependencia das persoas. Non podemos obviar tampouco o índice de avellentamento da poboación. Nos últimos anos reformulamos programas que xa existían neste ámbito para facelos máis progresivos e axilizar a súa tramitación. Aumentamos nun 14% o orzamento do servizo de axuda a domicilio e seguiremos adiante porque non queremos que ninguén quede sen el. Tamén creamos comunidade co programa Redeiras, unha iniciativa para previr e detectar as situacións de soidade non desexada.
- Tempo para ti. Impulsaremos un programa de apoio ás familias que coidan de nenas e nenos con diversidade funcional.
- Creación dun proxecto piloto que combina centro de día e escola infantil. O trato que a sociedade actual dispensa aos nosos maiores dista moito do respecto que merece toda unha vida de experiencia e coñecemento. A todas as persoas nos gusta ser útiles. Por iso esta iniciativa permite ás persoas maiores transmitir todo o afecto, os seus coñecementos e as súas inesgotables experiencias. Ao tempo, os pequenos e as pequenas poden crecer e aprender nun entorno de respecto e admiración, non só entre si senón tamén ante as persoas maiores. Esta iniciativa serve tamén para paliar o déficit de prazas, tanto en escolas como en centros de día.
- Eliminación da lista de espera no Servizo de Axuda no Fogar, cun incremento durante o mandato de 2 millóns de euros para outorgar o servizo a 400 veciñas máis.
- Posta en marcha dun servizo de lavandería municipal a domicilio. Moitas persoas maiores que viven soas ou padecen unha situación de dependencia non poden realizar as tarefas habituais dunha vivenda que son imprescindibles para ter unha vida digna e autónoma, como lavar, secar ou pasarlle o ferro á roupa.
- Escola de Coidados. As persoas que coidan tamén precisan ser coidadas. Este programa está dirixido ás persoas coidadoras, profesionais ou non, para proporcionarlles ferramentas para o seu benestar.
- Petición á Xunta de Galicia para que amplée a avaliación e acreditación de competencia profesional do servizo de axuda a domicilio e as persoas traballadoras do fogar. Queremos potenciar e apoiar dende o Concello a profesionalización destes servizos e poder ofertar, en colaboración con entidades do terceiro sector, cursos de formación especializados e adaptados aos horarios das persoas que están traballando. Tamén fomentaremos con formación e recursos a creación de cooperativas de traballadoras do fogar e dos coidados.