Unha cidade do coñecemento
#CoruñaCiencia
Somos A Coruña de José Cornide e de Isabel Zendal. A Coruña dos Museos Científicos e da UDC. Somos a cidade de María Wonenburger, da Expedición Balmis, de prestixiosos divulgadores e divulgadoras, pero debemos continuar a democratizar este coñecemento. Tenderemos pontes e colaboracións entre todos os actores do campo das ciencias para consolidármonos como referente: atraer eventos científicos, visibilizar a presenza e os logros das mulleres neste eido e establecer redes de colaboración con outras cidades de ciencia.
- Creación dun programa de axudas ás investigadoras e divulgadoras científicas, no que o Concello contribúa a financiar proxectos de interese que se desenvolvan na Coruña, de xeito análogo ao que fai o programa Grupo Xerminal coa creación cultural.
- Tesouros da ciencia. Catalogación e divulgación do patrimonio científico dos centros educativos da Coruña. Existen coleccións moi descoñecidas como a de Historia Natural do IES Salvador de Madariaga ou a de lámpadas de vacío no Colexio Maristas. O Concello contribuirá a preservalas e divulgalas con actividades como exposicións ou roteiros.
- Ampliación das actividades nos Museos Científicos para contribuír á divulgación do coñecemento: debates, ciclos de cine, fomento do pensamento crítico, eventos que conecten a ciencia e as artes, enfoques humorísticos, etc. Levarase a cabo a creación dun consello asesor e consultivo que axude a deseñar esta nova programación, con presenza de profesionais, representantes da Universidade e asociacións relacionadas coa divulgación. Tamén impulsaremos á relación dos Museos Científicos coa UDC e o MUNCYT.
- Reivindicación do papel das mulleres científicas, silenciado en moitas ocasións pola historia oficial. Con especial atención a figuras galegas como María Wonenburger, o Concello organizará un programa de actividades centrado nas figuras femininas que abriron camiños no coñecemento humano.
- Ciclo de actividades e charlas de divulgación científica nos centros de estudos de primaria e secundaria, un xeito de fomentar o coñecemento e a vocación investigadora entre o alumnado do ensino obrigatorio, en colaboración coa UDC. Fomentaremos a participación de investigadores e investigadoras novas.
- Creación dun censo dixital con asociacións e persoas dedicadas á divulgación científica na cidade.