Unha cidade viva

#CoruñaCultura

A creatividade é un dos valores estratéxicos da Coruña, un feito que nos diferencia e nos sitúa no mapa, que reúne talento e ideas. E se o anterior foi o mandato da descentralización das actividades culturais, o próximo será o mandato da cooperación: queremos implicar á cidadanía na co-produción de iniciativas culturais. Non só reforzaremos o diálogo con colectivos e profesionais, tamén promoveremos a participación de toda a veciñanza no uso dos espazos culturais, na programación de actividades e mesmo na propia creación. Para que A Coruña da Cultura estea máis viva ca nunca.

  1. Creación do Consello Municipal de Cultura, un órgano estable de participación desde o que deseñar de xeito colectivo as políticas culturais da Coruña. Terá unha composición diversa e estará formado por persoas que representen distintas sensibilidades vinculadas ao ámbito cultural.
  2. Posta en marcha dun Comité creativo cidadán. Será un órgano participativo que axude na programación anual dos espazos culturais xestionados polo Concello. Terán asento nel as persoas usuarias, artistas, asociacións, compañías, educadoras culturais, con especial fincapé na presenza de persoas mozas neste comité.
  3. Aposta pola diversidade na programación cultural. Na Coruña conviven persoas de máis de 70 nacionalidades. A programación cultural municipal debe recoller toda esa diversidade, en colaboración coas entidades representativas.
  4. Apertura dos equipamentos culturais á cidadanía, favorecendo o seu uso, nos horarios libres, pola veciñanza e os colectivos culturais e artísticos. En paralelo, crearase un censo dixital con toda a información dos espazos culturais e mellora da sinalización nas rúas para aumentar a súa visibilidade.
  5. Creación dunha Oficina de Cooperación Cultural para favorecer a creación. Manterá un censo dixital de traballadores/as da cultura na cidade, un mapa dixital de espazos e recursos para a produción e creación cultural, e dará apoio ás actividades profesionais e formativas das creadoras, facilitando o seu traballo e a súa relación entre si, coa administración, coa veciñanza e cos diferentes barrios.
  6. Promoción dun documento de boas prácticas culturais para defender o sector cultural e artístico, as artistas e as creadoras, poñendo en valor o seu traballo.
  7. A Coruña, cidade do libro. Creación dun órgano de participación estable co sector do libro para deseñar e poñer en marcha un Plan Estratéxico do Libro na Coruña que implique ás librerías, escritoras e escritores, editoriais, Universidade, bibliotecas municipais, persoal técnico do Concello e outras administracións.
  8. Creación da Axenda Cultural da Coruña, unha ferramenta dixital que recolla toda a programación cultural da cidade.
  9. Posta en valor do Castro de Elviña. O xacemento arqueolóxico máis importante da nosa cidade despois da Torre de Hércules merece atención. Mantendo o escavado e restaurado, poremos en marcha de inmediato un ámbito de recepción de visitantes e melloraremos os accesos, ao tempo que se planifica a súa transformación no gran parque da cidade. Crearase tamén unha plataforma virtual que permita achegarse a el desde a distancia.