Unha cidade saudable

#CoruñaSaúde

A Coruña é unha cidade saudable. Un referente en todo o estado grazas aos profesionais e ás profesionais da sanidade pública e ás entidades sociosanitarias, que desempeñan un papel fundamental para chegar alí onde as institucións non o fan. Temos unha Facultade de Ciencias da Saúde, centros de investigación asociados e especialidades médicas de recoñecido prestixio. Neste marco, a Marea Atlántica implementou ao longo do pasado mandato numerosos programas que afondan na protección da veciñanza. Implementou a Renda Social Municipal, mellorou o Plan de Prevención de Drogodependencias, abriu os patios dos colexios en períodos non lectivos para fomentar o deporte e outras alternativas de ocio mais saudable e creou o Consello Local da Saúde. Agora temos que seguir adiante. Temos grandes retos: abordar o envellecemento da poboación, a soidade, redobrar o apoio ás entidades do ámbito da saúde. Esta é a  nosa guía para continuar coa construción dunha Coruña saudable.

  1. Apoio á ampliación e mellora do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), que necesita incrementar e modernizar as súas instalacións e os seus recursos, así como intensificar a súa vinculación á Universidade da Coruña e dotarse duns accesos dignos e dunha maior conectividade co resto da cidade e da súa área metropolitana.
  2. Plan Local de Saúde. Unha cidade saudable debe contar cunha folla de ruta que contemple a diagnose e estableza as accións e medidas concretas para que a saúde sexa un dereito para todas as cidadás e todos os cidadáns, así como un motor económico e un campo propicio para o traballo social do terceiro sector.
  3. Posta en marcha dunha estratexia alimentaria municipal, porque os hábitos teñen repercusión máis alá da saúde individual, a través do consumo, no cambio climático. Incluirá campañas de alimentación saudable, formación nutricional para as persoas responsables de comedores colectivos e a aposta polo subministro de produtos ecolóxicos e de proximidade nas escolas infantís e comedores sociais. E sumarémonos ao Pacto de política alimentaria urbana de Milán.
  4. Impulso á Estratexia da Rede de Cidades Saudables, á que se incorporou a cidade en 2017, para unha actuación coordinada entre áreas municipais como Deportes, Educación, Medio Ambiente, Rexeneración Urbana, Mocidade, Participación ou Mobilidade.
  5. Reforzo do Consello Local de Saúde, para seguir afianzando un órgano constituído en 2018 para dar voz ás entidades, colexios profesionais e institucións do ámbito da saúde, que desde entón xa poden participar das políticas en materias como a atención primaria, a saúde mental, os coidados ou a dependencia.
  6. Proxecto Pasea, unha iniciativa de carácter comunitario dirixida a fomentar hábitos saudables nos barrios e para favorecer a convivencia da veciñanza, aproveitando o novo Plan de Infraestrutura Verde e o programa Sendeiros da Coruña.
  7. Novos talleres de hábitos saudables nos centros cívicos, para promover pautas saudables entre a poboación, como unha alimentación equilibrada, o exercicio físico ou o abandono de hábitos como o tabaquismo a través da formación e o lecer.
  8. Máis dinamismo para os parques biosaudables, con actividades monitorizadas por persoas profesionais para facelas máis accesibles aos distintos públicos. Tamén fomentaremos a práctica de deporte e o uso dos parques e as zonas verdes como espazos de benestar físico, psíquico e social.