Unha cidade para o deporte

#CoruñaDeporte

A aposta decidida por unha cidade saudable ponse de manifesto en toda unha serie de propostas que dan prioridade ao exercicio físico e á práctica deportiva e lúdica de calidade e con garantías para todas as persoas. En interior ou no espazo público, sempre deberá ser inclusiva e accesible, algo que faremos acompañadas dos clubs da cidade, contando con eles para ampliar e mellorar as escolas deportivas municipais, para garantir que o deporte feminino gañe espazo e colaborando estreitamente con todas as organizacións que poden ofrecer as garantías dun desenvolvemento profesional e calidade das instalacións, equipamentos en espazo público ou programas formativos.

  1. Creación de novos equipamentos deportivos en lugares como o Ofimático, que contará cun novo pavillón polideportivo, e nos peiraos de Batería e Calvo Sotelo,  que contarán con espazos ao aire libre e un grande espazo polivalente para as prácticas deportivas urbanas. Tamén dotaremos a cidade dun campo de rugby na zona de Monte Mero.
  2. Elaboración dun Plan Director de Instalacións Deportivas 2020-2030, para analizar as necesidades de equipamentos na área metropolitana. Incluirá unha planificación de reforma, rehabilitación e mantemento das instalacións deportivas municipais e de construción de novas instalacións, no que tamén se contemplará a ampliación e mellora das Escolas Deportivas Municipais.
  3. Creación dunhas Bases Naúticas Municipais que formen parte das Escolas Municipais e que doten A Coruña dun servizo público e accesible que facilite as prácticas deportivas no mar.
  4. Impulso do deporte feminino a través dun paquete de medidas vinculadas ás subvencións aos clubs para favorecer a participación das mulleres tanto na xestión coma na práctica deportiva. Reforzo das actividades deportivas e competicións mixtas, con campañas formativas e de divulgación e actividades específicas para mulleres nas distintas etapas da vida.
  5. As carreiras como elemento de cohesión social e fomento dunha vida saudable. Impulsaremos un tramo brando de carreira no Paseo Marítimo, entre Pelamios e San Amaro. Ademais, dotaremos A Coruña dun circuíto de carreira de terra batida nun entorno natural e acondicionado.
  6. Programa formativo itinerante polos barrios, no espazo público, vinculado aos espazos, instalacións e equipamentos deportivos e físicos ao aire libre (circuítos de running, parques biosaudables, etc) para favorecer a práctica saudable e segura.
  7. Expansión e descentralización do programa Coruña en Forma, que ampliará os seus contidos con novas prácticas físicas que se poidan realizar de xeito colectivo e nas distintas épocas do ano e que se estenderá polos barrios incrementando o seu orzamento.
  8. Incremento de elementos que favorezan e impulsen a práctica deportiva e lúdica no espazo público: canastras e outros elementos de xogos en equipo interxeracionais, ademais de parques biosaudables.
  9. Ampliación do programa Aberto ao barrio, para seguir gañando espazos como os patios dos colexios para o uso público, e na mesma liña, incremento do parque de equipamentos cubertos de entidades privadas para prácticas deportivas colectivas, para, a través da modificación das ordenanzas, garantir o acceso igualitario a persoas, colectivos e clubs.
  10. Impulso da Escola da Bicicleta para facilitar a mobilidade pola Coruña e nun futuro pola súa área metropolitana. Para iso será preciso unir mediante infraestrutura ciclable as principais instalacións deportivas da cidade.