Unha cidade líder
#CoruñaLíder
As cidades non son illas. Conforman, cada unha coa súa vocación, un arquipélago capaz de responder dende o local a desafíos globais. Hoxe, máis ca nunca, son fundamentais as conexións e a colaboración con outros concellos e con todas as institucións. Á Coruña correspóndelle liderar unha área metropolitana que é un dos músculos económicos e demográficos do país e desenvolver liñas de traballo coordinado coa rexión urbana que se estende até Ferrol. E facelo con valentía e desde o consenso e o diálogo con todas as entidades e institucións implicadas. A Marea Atlántica cre na cooperación interinstitucional para resolver os problemas máis inmediatos, pero tamén para establecer unha ollada a medio e longo prazo que permita que nos situemos nun novo mundo que xa comezou. O mundo que debuxa no horizonte a axenda urbana Coruña Próxima 2030.
- Constitución da Área Metropolitana que A Coruña e a súa contorna precisan para multiplicar e proxectar cara ao futuro as capacidades do que xa é o principal motor económico de Galicia: unha gran cidade de medio millón de habitantes que necesita ferramentas para exercer plenamente a súa vocación de liderado, con recursos e competencias sobre a mobilidade, a planificación do territorio, os espazos naturais, a dinamización económica, a promoción turística, as emerxencias, os servizos básicos e os bens comúns.
- Impulso da axenda urbana Coruña Próxima 2030, un horizonte estratéxico aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas que está chamado a converterse no marco común, mediante a participación cidadá e a cooperación entre os diferentes actores da cidade, para as próximas décadas.
- Creación do Consello da Cidade, un órgano de cooperación integrado polos principais axentes sociais e económicos da Coruña para sumar esforzos na execución da axenda urbana e para esixir a debida atención ás principais necesidades da cidade, inxustamente demoradas nos últimos anos, en materia de grandes infraestruturas, dende a estación intermodal de San Cristovo ou a humanización da Avenida da Vedra á conexión ferroviaria de Punta Langosteira e a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).
- Posta en marcha dunha Mesa Permanente de Cooperación Interinstitucional con presenza de todas as administración públicas, dende a Autoridade Portuaria e a Deputación da Coruña aos gobernos do Estado e da Xunta de Galicia, para garantir o diálogo e a concertación que os grandes desafíos do futuro nos esixen, con especial atención á recuperación do borde litoral.
- Apertura de vías estables de diálogo e cooperación coa cidade de Ferrol e a súa contorna, tanto coa administración local como co resto dos actores económicos e sociais, para vertebrar e relanzar unha rexión urbana con desafíos comúns e capacidades que é preciso aliñar.