Unha cidade dixital

#CoruñaConecta

A estratexia de innovación tecnolóxica no Concello que iniciou a Marea Atlántica precisa de continuidade. A investigación e a innovación son imprescindibles para desenvolver novas aplicacións que poidan facilitarnos a vida, o contacto cos demais e a transparencia das administracións públicas. Cremos que estas infraestruturas tecnolóxicas deben responder a intereses do ben común e contribuír á mellora da calidade de vida, utilizando estándares abertos, procesos auditables e metodoloxías transparentes e accesibles. No segundo mandato, levaremos a cabo iniciativas para achegar a administración á cidadanía e liderar a aposta polos dereitos dixitais, potenciar solucións innovadoras en colaboración co ecosistema tecnolóxico e empresarial local e avanzar na soberanía tecnolóxica do Concello, coa implantación de software libre e en código aberto ou o desenvolvemento de proxectos que favorezan a economía social.

  1. Garantía dos dereitos dixitais. Creación dunha carta de dereitos dixitais á conexión (acceso á rede), á non discriminación (algoritmos transparentes e reproducibles) e á privacidade dos datos persoais. Irá acompañada do fomento destes principios en todas as iniciativas de innovación pública, como a tarxeta cidadá accesible e social (Millennium Próxima, a través de códigos QR).
  2. Incorporación á iniciativa das Cidades polos Dereitos Dixitais, liderada por Nova York, Ámsterdam e Barcelona. O obxectivo é compartir e aprender, pero tamén aportar ideas e prácticas, para que os procesos tecnolóxicos non mingüen dereitos nin apuntalen procesos de opacidade e discriminación, senón que fortalezan os dereitos cidadáns.
  3. Alfabetización dixital. Non queremos que ninguén quede atrás, tampouco no contacto coas novas tecnoloxías, polo que garantiremos o dereito á aprendizaxe continua a través dos medios dixitais e o impulso de programas de alfabetización dixital. Facilitaremos o acceso a internet de calidade e gratuíto en todas as instalacións públicas do Concello.
  4. Reforzo dos procesos de innovación tecnolóxica con colaboracións público-privadas baseadas na accesibilidade, a responsabilidade, o beneficio público e a transparencia. O Concello será exemplo e guía neste eido.
  5. Soberanía tecnolóxica en todas as actividades internas e na infraestrutura municipal. Para isto impulsaremos unha sede electrónica accesible e avanzaremos na licitación electrónica e na compra pública innovadora e responsable, con criterios sociais e éticos, transparente e accesible ás pemes. Ademais, temos un compromiso co software libre e os datos abertos para resolver, en colaboración cos actores locais de innovación, os retos da cidadanía do futuro.
Retos