Unha cidade de oportunidades

#CoruñaEmprego

O desemprego e a precariedade laboral son dous grandes retos que afronta a nosa sociedade, especialmente entre a xente moza e os colectivos en risco de exclusión que non poden ser ignorados desde a administración local. Cando ter traballo xa non garante unha vida digna, cando existen persoas excluídas do mercado laboral, é preciso actuar. Como fixemos no mandato anterior, queremos levar ao límite as competencias municipais sobre o emprego, coa redacción dun novo Plan Municipal de Emprego que continúe o traballo xa realizado no período 2015-2019 e que aproveite as sinerxías do traballo en rede no seo do Pacto Local polo Emprego. Queremos manter o camiño que permitiu que a nosa cidade teña hoxe 10.000 persoas máis con traballo que nos últimos cinco anos.

  1. Redacción, en colaboración coas entidades do Pacto Local polo Emprego, dun novo Plan Municipal de Emprego para o período 2019-2023, que teña entre as súas prioridades a inclusión laboral dos colectivos vulnerables, a superación da fenda dixital e o traballo en rede no contexto das entidades do Pacto, logo de que o primeiro Plan de Emprego acadara os seus obxectivos de rebaixar a taxa de desemprego na cidade ao 11%, segundo a EPA.
  2. Posta en marcha dun Plan de Emprego para Migrantes, un traballo colaborativo desenvolvido polo Centro Municipal de Emprego conxuntamente coa Unidade de Atención a Migrantes así como as entidades do terceiro sector especializadas, co fin de diagnosticar as necesidades formativas, elaborar os itinerarios de inserción precisos e, no caso das persoas migrantes con formación, establecer mecanismos que faciliten a homologación dos seus títulos.
  3. Ampliación do programa Coruña Emprega, que acadou cotas de inserción do 60% entre os anos 2016 e 2018, no marco do traballo en rede do Pacto Local polo Emprego, incorporando os centros de formación profesional.
  4. Execución do proxecto Coruña Suma, dotado con 5,6 millóns de euros, 4,4 millóns do Fondo Social Europeo (FSE), para a creación de emprego e a inserción laboral de colectivos vulnerables en tres grandes áreas da cidade: Os Rosais, Labañou e a Agra do Orzán; a Sagrada Familia e Os Mallos; e Elviña, Monelos e o Barrio das Flores.
  5. Impulso ao emprendemento e á creación de emprego na rehabilitación de vivenda, a rexeneración urbana e a eficiencia enerxética, para aliñar as políticas de desenvolvemento sostible coa necesidades dun sector que conta cunha importante bolsa de desemprego de profesionais altamente cualificados.
  6. Bonificación do 95% no Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) declaradas de especial interese ou utilidade municipal, por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego.
  7. Creación do distintivo Coruña Emprega para destacar aquelas empresas con boas prácticas na xestión laboral e outorgarlles vantaxes competitivas na contratación pública do Concello.