Unha cidade con memoria
#CoruñaMemoria
Os capítulos ocultos da memoria forman parte da nosa configuración. Son unha explicación sobre nós mesmas que cómpre poñer en valor. Nos últimos catro anos, o goberno da Marea Atlántica deu pasos relevantes nesta materia, pero precisamos seguir para achegarnos á cidade comprometida coa igualdade, a fraternidade e a democracia que queremos ser. Unha cidade valente que padeceu represión cando reclamou os seus dereitos. Cómpre termos memoria desas loitas para entender e celebrar a quen se entregou a mellorar as liberdades da maioría social. A memoria é algo inmaterial ao que se accede con testemuñas e documentos de diferentes épocas da cidade. Queremos pórnos ao carón das entidades e da veciñanza que rescatan a memoria dos barrios. Ao camiñarmos polas rúas, queremos identificar os elementos físicos, toponímicos e simbólicos das nosas tradicións e lugares. Queremos acompañar o labor de investigación que pon en valor aquelas loitas de onte, que son o antecedente das loitas de hoxe.
- Arquivo Dixital das Memorias Colectivas. Unha plataforma dixital centralizará a información sobre a memoria democrática e asociativa da cidade con fontes documentais escritas, audiovisuais, testemuñas orais e traballos de mapeo. Estará xestionada por un equipo multidisciplinar que a manteña e organice, que impulse a divulgación das fontes e articule narrativas que as contextualicen.
- Escola de Memoria Local. Crearemos unha escola que elabore guías didácticas e imparta cursos sobre a historia da Coruña, conectada ao Arquivo das Memorias Colectivas, coa colaboración do Instituto José Cornide, a Cátedra da Memoria Histórica e a Rede de Museos Históricos da Coruña. A escola abranguerá toda a historia da Coruña, desde a época castrexa aos nosos días incidindo na historia moderna e contemporánea e porá os seus recursos ao servizo dos centros educativos e entidades da cidade. Terá unha vocación interxeracional e formatos nos que axentes memorialistas poidan comunicar os seus testemuños a audiencias novas.
- Axudas a entidades que traballan as memorias colectivas nos barrios. Lanzaremos unha liña de axudas para o fomento e reforzo de proxectos encamiñados á recuperación das memorias dos barrios, para poñer en valor as súas identidades singulares. Trátase de apoiar as iniciativas desenvolvidas por asociacións veciñais, culturais e outros axentes colectivos, así como de fomentar novas accións.
- Plan de Sinalización e Contextualización de monumentos e lugares da memoria. Para localizar monumentos e lugares relacionados coa memoria democrática da cidade (liberal, republicana, galeguista, obreira, feminista e de resistencia ao fascismo) e contextualizalos por medio de sinalética tradicional e realidade aumentada (códigos QR, que estean vinculados á plataforma web do Arquivo das Memorias). Faremos unha posta en valor destes lugares de memoria e patrimonio material mediante roteiros.
- Plan de Recuperación das Microtoponimias. Poremos en marcha un traballo de investigación participativa na elaboración dun mapa das microtoponimias desaparecidas do rueiro. Unha vez presentados os resultados, comezaremos un proceso consultivo para a recuperación dalgunhas destas toponimias.
- Festival da Arte e Memoria Urbana: Impulsaremos un festival que relacione a Memoria Histórica e as artes urbanas, empregando en cada edición un barrio diferente como lenzo urbano. A Memoria histórica será o tema e a arte urbana a forma.